sábado, 25 de octubre de 2025

🎃 Reto lector do Samaín: “Atrévete a ler se tes valor” 👻

 

O Samaín achégase... e a biblioteca busca estrelas valentes na Galaxia! O reto é sinxelo:

  1. Escolle un libro que dea un chisquiño de medo (ou moito, se es un destemido).

  2. Lévao en préstamo antes do 31 de outubro.

  3. Le un anaco pola noite… sen luz acesa. (Vaaaaale, coa lanterna do móbil tamén serve 😅).

📚 Propostas para escoller:

  • 🕯️ Escarlatina, a cociñeira defunta – Ledicia Costas (humor negro galego do bo).

  • 💀 Coraline – Neil Gaiman (un clásico que dá mal rollo, pero engancha).

  • 🦇 O neno do pixama a raias – John Boyne (non é de medo, pero deixa un frío no corazón).

  • 👁️ Pesadelos no instituto – varios autores galegos (curtos, intensos e con risas nerviosas).

  • 🕸️ Harry Potter e a cámara secreta – J.K. Rowling (quen dixo que os basiliscos non daban medo?).

😱 Se consegues rematar o libro…
Deixa unha frase arrepiante ou un debuxo na cortiza da biblioteca:

“O momento máis terrorífico da miña lectura foi…”

Entre quen participe, sortearase un marcapáxinas embruxado e un amuleto contra o aburrimento (efectos secundarios: ganas de seguir lendo 📖✨).

lunes, 20 de octubre de 2025

📚 24 de outubro: Día das Bibliotecas! 🎉

 

Bo día, intrépidas estrelas! 

Este xoves a nosa biblioteca está de festa, e ti estás máis que convidado/a 🎈. Pásate por aquí, trae ese libro que leva meses esquecido na túa mochila (si, ese que xa fixo amizade co paquete de galletas do recreo 😅) e aproveita para descubrir novas aventuras entre os andeis.

Hai historias que queren viaxar contigo: misterios, amoríos, galaxias, gatos, dragóns… ou mesmo manuais de supervivencia para exames imposibles. Ven e leva o libro que che faga sorrir, soñar ou simplemente esquecer o móbil.

Este 24 de outubro, entra na biblioteca… e deixa que os libros che fagan un “plot twist” no día 😉.

 


martes, 23 de septiembre de 2025

🌟📚 Atención, estrelas! 🌟📚


O club de lectura do noso insti está de volta e vén con máis marxe de aventura ca un manga de 40 tomos. Se che mola o xaponés, tés o noso club YUME, onde podes discutir teorías imposibles de Naruto ou chorar xuntos co final de Your Name.

Pero se o manga non che vai, relax: temos lecturas de todo tipo, para quen lea de todo e para quen só lea a lista da compra. Este ano imos facer podcasts na radio escolar (si, coa túa voz de anuncio de iogures), booktrailers dignos de Netflix, visitas a salóns do cómic, escapadas ao teatro… e unha viaxe ao remate de curso que nin o Interrail da literatura.

👉 Para apuntarte, pásate pola biblioteca no recreo (11:45h – 12:10h).
👉 O profesorado tamén pode sumarse como mediador/a lector/a (prometemos que non lles poñemos deberes extra, só algún drama adolescente).

Así que xa sabes: se queres ser unha auténtica estrela do libro, deixa de scrollear memes cinco minutos e ven inscribirte. Iso si: logo non digas que non te avisamos cando vexas os colegas viaxando, rindo e ligando grazas ao club. 😉

✨ E lembra: o que pasa no club de lectura, queda no club de lectura.

martes, 1 de julio de 2025

🌴📚 RETO LECTOR DO VERÁN 2025 (versión oficial e nada homologada pola Consellería de Educación, pero si pola retranca)

 

Lema: Ler no verán non provoca insolación, só adicción.


🎯 OBXECTIVO:

Completar polo menos 5 desafíos lectores antes de que remate o verán ou antes de que o teu móbil morra definitivamente por exposición ao sol.


📌 MISIÓN 1: Ler un libro que che faga rir... ou polo menos esbozar un sorriso mentres comes sandía.

📚 Suxestións: "La abuela gánster", "A señorita Bubble", "Cazadores de letras"...
🎁 Premio simbólico: Un novo chiste malo para contar á familia.


📌 MISIÓN 2: Ler un libro onde pasen cousas misteriosas, trepidantes ou algo rariñas.

📚 Suxestións: "Infamia", "Apocalipse Z", "Escarlatina"...
🎁 Premio simbólico: Un diploma invisible (coma certos personaxes de certas historias...).


📌 MISIÓN 3: Ler ao aire libre sen que che escape o libro voando.

🌳 Praia fluvial de Pozo Negro, monte Seixo, banco do parque de Sacos, colchoneta na piscina do veciño en Borela, balcón con sol en Tenorio… o importante é que haxa risco de vento.
🎁 Premio simbólico: Bronceado cultural (a parte das mans).


📌 MISIÓN 4: Contar a alguén de confianza (ou descoñecido) de que vai o libro que estás a ler.

💬 Bonus se che fan caso e tamén o len. Superbonus se cho devolven sen dobrar as páxinas.
🎁 Premio simbólico: Subir un nivel na escala de influencer literario/a.


📌 MISIÓN 5: Escoller unha frase do libro que che impactase e... facer algo con ela.

🎨 Pode ser un adhesivo, un post-it, unha ilustración, un fondo de pantalla... ou tatuala na alma, se é desas.
🎁 Premio simbólico: Puntos extra no exame vital de setembro.


MISIÓN SÚPER BONUS (só para valentes):

📖 Rematar un libro enteiriño sen interrumpilo por notificacións.
(Os reels non desaparecerán, prometido).
🎁 Premio simbólico: Auténtico orgullo lector.


🎁 ¿E se completo o reto?

Á volta do verán pode haber diplomas, recoñecementos públicos, algún agasallo simbólico... ou un Club Secreto de Lectores de Verán.
(Chámase secreto, pero se o completas... dicímosllo a todo o instituto, que para algo tés mérito).

Bo verán, estrelas!!! 

lunes, 30 de junio de 2025

🌞📚 LECTURAS PARA SOBREVIVIR AO VERÁN (e incluso disfrutalo)

 

📘 Para 1º e 2º da ESO – Lectores novos, pero con carácter (coma a calor de mediodía)

🧛‍♂️ "O pequeno vampiro" de Angela Sommer-Bodenburg (galego ou castelán)

Un vampiro que non dá medo, un neno que ten ganas de aventura, e moito sarillo nocturno. Ideal para ler á sombra mentres pensas se deberías ir durmir ata as 11 como fai o protagonista.

🚲 "Cazadores de letras" de Fran Alonso (galego)

Un libro con historias breves e moi creativas, que se len tan rápido como se escapan os xeados no verán. Perfecto para quen non lle apetece comprometerse cun libro de 300 páxinas (como con nada neste mundo).

🧪 "La increíble historia de... la abuela gánster" de David Walliams (castelán)

Un neno descubre que súa avoa é unha ladroa de xoias internacional. E ti pensando que a túa avoa era interesante por facer rebandas de pan de millo con Nocilla…

👻 "Escarlatina, a cociñeira defunta" de Ledicia Costas (galego)

Cociña, mortos e humor negro: un verán diferente sen saír da casa. E por se che parece pouco, hai receita de biscoito máxico incluída.


📗 Para 3º e 4º da ESO – Xente con criterio, drama e datos infinitos no móbil

🧟 "Apocalipse Z: El principio del fin" de Manel Loureiro (castelán)

Un día esperta todo o mundo feito un Cristo (literalmente), e só quedan zombies e galegos superviventes. Perfecto para ler mentres practicas como escapar de hordas coas chanclas postas.

Ollo! Manel Loureiro vai vir charlar con nós o vindeiro curso.  

💘 "Infamia" de Ledicia Costas (galego)

Un thriller con misterio, personaxes rotos e unha protagonista que investiga un crime. Para lectores que queiran emoción, preguntas incómodas e historias con sustancia.

📱 "Invisible" de Eloy Moreno (castelán)

Ese libro que parece sinxelo, pero cósete por dentro. Ideal para cando o corpo está na praia pero a cabeza vai por dentro. Non recomendado para quen estea emocionalmente sensible… ou si.

🧙‍♀️ "A señorita Bubble" de Ledicia Costas (galego)

Unha científica tola, inventos sorprendentes e un humor marabilloso. Como unha versión galega e feminista de Mary Poppins, pero con máis carácter e menos paciencia.


🎯 BÓNUS TRACK para quen diga que non ten tempo para ler:

A ver, se tés tempo para ver 14 vídeos seguidos de TikTok sobre xente que ordena a neveira, tamén tes tempo para 2 páxinas dun libro decente.

viernes, 13 de junio de 2025

"Lecturas pechadas por descanso do persoal"

 

Remata o curso e queremos deixar constancia do pracer que foi compartir lecturas, reflexións e moitas risas co grupo de manga e co grupo de literatura xuvenil

Rematamos outro curso e, unha vez máis, sobrevivimos á intensa actividade lectora sen baixas (salvo algún marcapáxinas perdido en combate). Grazas por facer deste espazo un lugar de encontro, debate, risas e algunha que outra discusión acalorada sobre finais discutibles e personaxes insoportables.

Un aplauso con todo o noso cariño para os profes Lucía, Chila e Javier, que nos acompañaron nesta viaxe literaria con máis paciencia ca un bibliotecario en época de exames. Sen eles, esta experiencia sería como un libro sen final… ou peor, sen comezo.

E agora si, pechamos libro por este curso. Pero tranquilos, que volveremos. As sagas lectoras nunca morren.

Ata a próxima lectura! 📚✨

 

viernes, 6 de junio de 2025

📚 Aviso para despistados (e morosos literarios)

 

O curso vai chegando ao seu fin... e si, sabemos que aínda tés ese libro da biblioteca que “ías devolver mañá”... en febreiro. Non pasa nada, non che imos poñer na lista negra (aínda), pero vai sendo hora de que o devolvas, non sexa que o autor veña reclamalo en persoa.

Pensa que se o devolves, outra alma inocente poderá lelo no verán mentres ti disfrutas doutras lecturas... ou de ver as cubertas sen abrir, que tamén conta.

E xa que falamos do verán 📖☀️, lembra que non hai escusa para non ler:
Aquí van unhas bibliotecas online para seguir dándolle á neurona:

  • 📖 GaliciaLe – Libros e audiolibros en galego, sen saír da tumbona.

  • 📚 eBiblio Galicia – Miles de libros para levar no móbil, na tablet ou no módem da praia.

Ler é sexy, pero devolver libros... aínda máis. 😉