lunes, 20 de noviembre de 2017

Abrindo o Corazón de Xúpiter

Tras a lectura dos primeiros capítulos da obra de Ledicia Costas, ese "Corazón de Xúpiter" ábrese ás nosas Estrelas.
Cada luns, o alumnado de 3/4ESO intercambiará as súas impresións e reflexións sobre as diversas temáticas abordadas pola obra, nun ambiente distendido e didáctico propiciado por Carlos Morgade, profesor de historia e xeografía, amante da literatura e defensor da nosa cultura e lingua.

As redes sociais, as ciberrelacións, o descoñecido e descoñecemento, a soedade, o acoso, a aceptación das semellanzas e da singularidade. Esta obra aborda o microcosmos da adolescencia con prismas diferentes e diferenciados.
Na sesión de hoxe, un remuíño de ideas e impresións xurdiu nun ambiente afable e pedagóxico.
Nas vindeiras sesións, abordaranse diversas temáticas suscitando múltiples reflexións e debates na procura dunha educación en valores e calidade.
Para rematar a sesión de hoxe, Carlos nos fixo reflexionar sobre o sexismo "invisible" e polo tanto "aceptado e asumido" por "todos e todas" na cultura musical xuvenil actual. Letras, conceptos, imaxes e vocablos tan aceptados e xeneralizados que ás veces nin coas denuncias nin coas parodias sabemos descifrar.  
En suma, aínda nos queda moito por ler, aprender, descubrir e interpretar.
Agardamos con impaciencia os debates do próximo luns!
Grazas pola vosa implicación e participación! Noraboa!