viernes, 19 de junio de 2026

Misión imposible... superada! 📖🎭



O noso club de lectura volveu poñerse a proba cun reto de auténtico nivel: representar o kamishibai Dante, o xigante diante do público máis esixente que existe... o alumnado de Educación Infantil do CEIP de Tenorio.

Porque, sexamos sinceros, un público de tres, catro e cinco anos non finxe. Se algo lles gusta, nótase. E se non... tamén! 😅

Con algo de nervios, moita ilusión e unha boa dose de interpretación, as nosas alumnas conseguiron captar a súa atención desde a primeira lámina. Houbo ollos moi abertos, sorrisos, gargalladas, caras de sorpresa e mesmo algún comentario espontáneo que nos fixo conter a risa.

A historia de Dante, o xigante cobrou vida grazas ás voces das narradoras, ás ilustracións do kamishibai e aos efectos sonoros preparados para a ocasión, convertendo o vestíbulo nun espazo cheo de maxia.

Ao rematar, chegou a mellor recompensa: un forte aplauso e a satisfacción de comprobar que contar historias segue a ser unha das mellores maneiras de conectar cos demais.

Grazas ao CEIP de Tenorio pola fantástica acollida e, sobre todo, ao seu pequeno gran público, que nos recordou que as mellores críticas non se escriben... vense nas caras de quen escoita.



domingo, 14 de junio de 2026

Queridas estrelas

 ☀️📚 RECEITA PARA UN BO VERÁN

Ingredientes:

  • 1 libro, manga, banda deseñada ou revista (ou varios).
  • Un recuncho agradable: praia, piscina, aldea, sofá, hamaca ou sombra de figueira.
  • Un pouco de curiosidade.
  • Tempo ao gusto.

Preparación:

  1. Consiga un libro. Pódese comprar, pedir prestado, herdar, intercambiar ou rescatar dunha biblioteca pública.
  2. Busque un lugar cómodo.
  3. Abra o libro pola primeira páxina.
  4. Continúe ata esquecer a hora, o móbil e, se a lectura é boa, incluso o calor.

Consello do chef:
As bibliotecas públicas permanecerán abertas todo o verán, cheas de historias desexando saír de paseo.

Advertencia importante:
Se alguén afirma que non ten nada para ler, revise a información. A súa fiabilidade é comparable á de quen asegura que en Galicia non chove ou que na praia non hai area. 😏

Presentación final:
Servir acompañado de xeados, viaxes, tardes longas e moitas aventuras.

Bo verán e, sobre todo, boas lecturas! 🌞📖💙


viernes, 12 de junio de 2026

📚🚨 Operación Rescate de Libros (última chamada) 🚨📚

As vacacións están á volta da esquina e algúns libros da Biblioteca Nélida Piñón decidiron alongar a súa estadía máis do debido. Hai exemplares que xa se senten parte da familia, que coñecen o menú da casa e mesmo opinan nas conversas da cea. 😅

Se tes algún libro en préstamo, esta última semana de curso é o momento perfecto para devolvelo. Os seus compañeiros dos andeis bótano de menos e hai outros lectores desexando coñecelos.

Non fai falla despedidas dramáticas: tráeo á biblioteca, déixao no seu fogar e promételle que volveredes atoparvos despois do verán. 📖❤️


Asinado:
Os libros "secuestrados" que soñan con regresar ao andel. 😉📚




miércoles, 10 de junio de 2026

🎭📚 Conta atrás

Catro das nosas estrelas e a profe Patri xa temos case todo preparado para a nosa visita ao alumnado de Infantil. Traducimos ao galego a historia de Dante, o xigante, escollemos os arquivos sonoros para ambientar cada escena e levamos un feixe de recreos ensaiando con moita ilusión.

Agora só queda o máis importante: compartir a historia cos pitufiños de Tenorio o vindeiro mércores. Estamos emocionadas e tamén un chisco nerviosas, porque o público de Infantil é dos máis sinceros e esixentes que existen. 😄

Agardamos que Dante conquiste os seus corazóns... e que os seus risos se escoiten por todo o cole! 💚📖✨