jueves, 23 de abril de 2026

23 de abril

Hoxe vivimos unha xornada fantástica coa participación do alumnado do centro e de 5º e 6º do CEIP de Tenorio. Libros que cambian de mans… e moitas ganas de ler!

📸 Pasa polas nosas redes para ver as fotos… igual saes ti!

E mentres aquí os libros voaban de man en man… poida que polas alturas tamén houbese movemento. Es quen de imaxinar a Rosalía e dona Emilia camiño dunha feira nas nubes? Ou a Shakespeare e Cervantes no bar Obélix tentando decidir quen conta mellor as vidas alleas… (sen acordo, claro 😏)? Quizais Castelao e Lorca discutindo se a chuvia en Galicia é clima ou poesía…

E, ao fondo, don Gonzalo Torrente Ballester dándolle unha volta a Los gozos y las sombras: en Pueblanueva, o poder xa non só se move nos pazos… tamén en X e no Instagram, entre rumores e segredos dixitais.

Porque cando os libros se moven… o mundo tamén se pon a contar historias. 📚✨

 


 

miércoles, 15 de abril de 2026

FEIRA DE TROCO DE LIBROS

 


Tes libros na casa collendo po e mirando para ti con cara de “leme outra vez”? 😏 Pois chegou o seu momento!


No IES de Cotobade celebramos a xa tradicional Feira de Troco de libros: trae os que xa liches (ou os que quedaron a medias… non pasa nada 😉) e leva vales por cada un. O día 23 de abril poderás trocar eses vales por novas historias que che fagan tilín ou tolón.


E ollo! Tamén está convidada a rapazada de 5º e 6º de EP do CEIP de Tenorio, que poderán vir co seu botín de vales a facer boas escollas.


📖 Aquí non se tira nada: recíclanse historias, cámbianse aventuras e gañan todos.


Veña, anímate… que igual atopas ese libro que non sabías que estabas agardando! 😉

domingo, 12 de abril de 2026

Modo aventura activado: As Estrelas do Libro na Cómic-Con de Moaña

As Estrelas do Libro activamos modo aventura o pasado venres: 15 estrelas (nivel épico), acompañadas por Bea, Javier e Patri, xunto cos nosos nakamas do IES de Poio, desembarcamos na Cómic-Con Moaña.

Foi un auténtico arc de diversión: participamos en Heroe ou vilán (algúns con máis aura de protagonista… e outros claramente viláns 😏), puxemos a proba o noso HP cun ramen que picaba como ataque especial pero curaba o espírito, e deixamos o noso fan art no concurso de debuxo.

Subimos de nivel en lingua aprendendo palabras en xaponés (hai quen xa quería facer timeskip cara á EOI), exploramos videoxogos e simuladores 3D como se fose un isekai, e volvemos con loot en forma de manga e merchandising.

Houbo tamén cosplay digno de opening e algunha batalla “a palazos” no palco da música (modo training, sen dano real, tranquilos 😅).

Conclusión do capítulo: risas, compañeirismo e enerxía ao máximo. Misión completada. E xa avisamos: o próximo ano… continuará. 🎌✨

jueves, 2 de abril de 2026

2 de abril, Día Mundial do Libro Infantil e Xuvenil

“Un libro aberto é un cerebro que fala;

pechado, un amigo que espera;

esquecido, unha alma que perdoa;

destruído, un corazón que chora.”

Na Biblioteca “Nélida Piñón” do IES de Cotobade temos os libros enfeitados agardando por ti… anímaste a pedirlle saír?