martes, 3 de diciembre de 2019

Resólvense algúns misterios. Outros, non.

Os que viaxaron ao centro da Terra con Victoria e mais os que colleron o submarino chegaron a tempo á súa cita (aclaración: non son os que colleron no submarino). 




Na biblioteca non hai pingueiras, de momento. As ducias de paraugas que aló se congregaron foron sometidas a unha sesión de chapa e pintura (agora chámanlle "customizar") levada a cabo polo alumnado de 1º da ESO e mais os nosos amigos da Asociación Juan XXIII. 

Baixo un mesmo paraugas (pincha aquí)


As estrelas de 2ºA chegaron ao Corazón de Xúpiter. Tamén decidiron incorporar "Casiopea" como nome de can porque "Ney" e "Soult" xa están desfasados. Confían en que a profesora de Francés non o tome a mal. Ademais  quedoulle gana de coñecer a unha tal Momo.

En la noche brilla tu luz.
De dónde, no lo sé.
Tan cerca parece y tan lejos.
Cómo te llamas, no lo sé.
Lo que quiera que seas:
luce, pequeña estrella.

Mentras, en 2ºB non se deu resolto o asunto ese da vida secreta das mulleres planta. Que desgraza a súa!

E en 3º e 4º seguen sen saber quen é o asasino dese rapaz do equipo de waterpolo. 



martes, 26 de noviembre de 2019

Unha visita moi especial

A escritora Loli Beloso estivo no noso Centro para presentar o seu último libro, que leva por título Antonio Fraguas cos nenos. Mantivo un encontro con todo o alumnado e aproveitou para agradecer as aportacións realizadas por algúns dos nosos alumnos e alumnas, que colaboraron na ilustración do libro. Muller implicada coa difusión da cultura galega -en especial, da obra de Díaz Pardo- e solidaria onde as haxa, destina os beneficios da venda deste libro á investigación do cancro levada a cabo pola Fundación de Medicina Xenómica, que dirixe o doutor Ángel Carracedo da Universidade de Santiago de Compostela.

A visita foi posible grazas aos esforzos do ENDL e o Departamento de Galego, aínda que somos moitos os que remamos. Por exemplo, o Departamento de Educación Plástica que creou unha liña temporal con obras de Luis Seoane, a quen se lle adicou o Día das Belas Artes o presente ano. E, por suposto, Loli Beloso, gran conversadora, falounos do debuxante. Fixo tamén unha exposición e comentario de pezas de Sargadelos, libros, revistas, etc; así como a mención a unha colección de xoias solidarias creadas por ela mesma.

Non é a primeira vez que Loli nos visita e agardamos que non sexa a última.












Ata a próxima, Loli!



jueves, 21 de noviembre de 2019

Ás voltas con Xulio Verne

As nosas estrelas máis novas decidiron mergullarse no universo de Xulio Verne e viaxar ata o centro da Terra. Mentras, os nosos amigos da Asociación Xoán XXIII teñen por diante unha aventura de 20.000 leguas de viaxe submarina.





As preguntas que cómpre facerse chegados a este punto son: chegarán todos a tempo para a cita do xoves 28 de novembro de 2019?, quen son as mulleres planta e por que levan unha vida secreta?, por que hai tantos paraugas na biblioteca?, haberá pingueiras?


domingo, 30 de junio de 2019

Feliz verán!

Despedímonos con esta viñeta do ilustrador arxentino Ricardo Siri Liniers e desexámosvos unha felices vacacións!! 
Ata o curso que vén!
Liniers, Macanudo.

sábado, 8 de junio de 2019

XII Xornada dos Clubs de Lectura


O pasado venres 7 de xuño, celebrouse na EGAP (Escola Galega da Administración Pública), en Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. 

Desta volta a XII Xornada dos Clubs de Lectura reuniu así preto de 280 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado.
Destacamos a presencia de María José Masanet, profesora e investigadora da Universitat Poempeu Fabra; do activista da lectura Marijn Brouckaert ponente das "lecturas compartidas", como ferramenta de intervención social; Antonio Sandoval amosou a súa experiencia como moderador dun club de lectura temático sobre ciencias da natureza e a poeta Tamara Andrés impartiu un obradoiro de poesía. Pechou a xornada a profesora, escritora e académica Marilar Aleixandre.
Emocionada, recibe o premio María Reimóndez por ser a autora máis lida no pasado curso nos Clubs de Lectura galegos. No noso Club, Corredora foi unha das novelas máis lida polos membros do Club que só supera 22 segundos de Eva Mejuto que foi lida polos 6 grupos do Club no presente curso.

O noso Club As estrelas do Libro foi representado coma cada ano pola asistencia da súa coordinadora.
Na conferencia inaugural, José Antonio Millán, autor dun informe sobre os Clubs de Lectura dos centros educativos galegos, destacou o excelente funcionamento  e subliñou o seu impacto na comunidade educativa, no desenvolvemento de habilidades sociais, comunicativas, cognitivas e académicas. O informe foi realizado no pasado ano 2018 en colaboración coa D.X. de Centros e Recursos Humanos, a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares e pódese consultar na web de Bibliotecas Escolares.

miércoles, 5 de junio de 2019

lunes, 20 de mayo de 2019

Toponimia cotabadesa

Como homenaxe ao mestre dos mestres, un cartel coa toponimia do Concello de Cerdedo-Cotobade perfila o rostro do persoeiro e preside o noso Centro.


"Toda a miña vida ofrecinlla a Galicia a ela dediqueille todos os meus esforzos e o meu cariño."
Resultado de imagen de antonio fraguas firma


viernes, 17 de mayo de 2019

Días das Letras Galegas




Como homenaxe a Antonio Fraguas Fraguas o noso Centro cotobadés recrea nun audiovisual a vida de Antonio e a influencia que tiveron os seus mestres desde as primeiras letras ata a Universiadade. 

O audiovisual basease no guión da peza teatral escrita por Xosé Carlos Morgade Martínez, historiador e profesor do noso centro e das ilustracións de paisaxes e personaxes da profesora de educación plástica Beatriz Pérez Espiña e do seu alumnado. Alumnado de distintos cursos puxéronlle voces dándolle vida ás diferentes personaxes da obra: Antonio neno, mozo, adulto, a súa nai Teresa, mamá Antonia, Losada Diéguez e Rodríguez Castelao entre outros.
Os ensaios, gravación e montaxe correron a cargo de Carina Vales, coordinadora deste club de lectura. Á vez relizouse un libreto non que se pode ler, escoitar a obra e gozar das magníficas ilustracións.
Parabéns a todos os implicados!

martes, 26 de marzo de 2019

Xa temos novas lecturas!

Recén chegadas, velaquí as novas lecturas para o noso Club!

Nadar o Morir de Arturo Padilla, Nadie nos oye de Nando López e El libro de los rostros, Ana Alonso.




Tamén chegaron algunhas das novidades esperadas este mes para a Biblioteca! 


lunes, 25 de marzo de 2019

A nosa Biblioteca!

Que máis se pode pedir?
Hoxe a golpe de luns, aínda que podería ser un día calquera na nosa Biblioteca!


Todo un orgullo para o noso Centro, estudantes que acoden de forma voluntaria e fan da Biblioteca o lugar elixido para pasar o recreo, é dicir o lugar onde deciden pasar o seu tempo libre e momento de desconexión. 
As fotografías rompen os estereotipos, os "nenos" non só xogan ó fútbol! Tamén len ou xogan ó xadrez. 
Lugar para xogar, ler, aprender e socializarse. 

martes, 12 de marzo de 2019

Día da Muller. Libres e iguais.

Letras de cancións cubrindo paredes, mensaxes en defensa da igualdade  nas escaleiras e chan ou unha exposición de documentos das primeiras Sufraxistas británicas poden verse por todo o noso Centro na campaña "Nin malas, nin vosas: Libres e Iguais" que permanecerá ata o mes de maio.



A súa vez a Coordinación da Biblioteca ofreceu unha selección de obras relacionadas coa igualdade de xénero e/ou ás nosas mulleres escritoras para achegar ó noso alumnado a esas grandes mulleres que marcaron a historia literaria ou ás contemporáneas que seguen eses mesmos pasos e que loitan por chegar a ser historia.


A nosa Biblioteca en coordinación co departamento de francés e relixión recolleu co alumnado de 2º e 4ºESO diferentes cancións nacionais e internacionais con contidos machistas  e outras con contidos contrarios en resposta a esas mensaxes censurables, denigrantes e vulgares.


As letras tanto en positivo como en negativo están expostas no corredor como campaña de concienciación e denuncia. 


A exposición das primeiras Sufraxistas como iniciativa do departamento de inglés, promovido por Victoria Carrera, xefa do departamento e coordinadora da Biblioteca estará exposto ata final de curso no corredor da Biblioteca.



Nin malas, nin vosas senón libres e iguais!


Beatriz Pérez Espiña, profesora de debuxo e coordinadora de actividades e o seu alumnado recobren o noso centro con mensaxes en galego, castelán, francés e inglés en defensa da igualdade de xénero. Beatriz axudada polo seu alumnado reflectiu no chan do noso centro mensaxes pintadas de concienciación na loita pola igualdade. Tamén ideou crear un espazo "Libre de violencia de xénero" onde se irán incorporando creación relacionadas coa igualdade ao longo do curso, ano tras ano. A loita pola igualdade non se fai nun día e a concienciación é permanente.