jueves, 14 de junio de 2018

Participación na XI Xornada dos Clubs de Lectura.

Como vén facendo estes últimos anos, o pasado venres 1 de Xuño o IES de Cotobade asistiu a XI Xornada dos clubs de Lectura en Compostela.

Tomando nota das diversas experiencias de diferentes coordinadores de EOI, IES ou CEE así como dos escritores e especialistas convidados, voltamos cun remuíño de ideas de posible aplicación para o noso Club e sobre todo cunha nova dosis de entusiasmo e enerxía necesaria ó achegarse o final de curso.

Tras recibir das mans do Conselleiro, Román Rodríguez, o premio dos Clubs de Lectura 2018, Carlos Negro abriu a XI Xornada coa lectura de O poema é. 
O fabuloso acróstico foi agasallado a todos os asistentes en forma de marcapáxinas. Pois non se me ocorre mellor maneira de comezar as Xornadas. 

Carlos Negro, rematou a súa ponencia "A poesía é un animal escondido" coa seguinte reflexión:

"Necesitamos menos estándares e máis estandartes de liberdade".

A valoración das distintas intervencións, ponencias e encontros nos obradoiros foi novamente positiva.
Agradecemos a Julio Abalde coordinador de varios clubs de lectura por compartir a súa experiencia e pola presentación exhaustiva dunhas recomendacións de lectura ó rematar a mesa temática: "Estratexias para a selección de lecturas".

O noso agradecemento a todos os ponentes e Centros participantes polo seu traballo e axuda e a todos os que fan posibles estes encontros.

lunes, 21 de mayo de 2018

María Victoria Moreno na Biblioteca do IES de Cotobade.


Co galo das Letras Galegas o alumnado de 1ºESO participou na decoración do espazo da Biblioteca dedicado a María Victoria Moreno tralas lecturas no club de Leonardo e os fontaneiros e Anagnórise.
Nunhas mans alzadas en defensa da liberdade e do uso da lingua galega en tódolos ámbitos e espazos, escribiron fragmentos de diversas obras de María Victoria Moreno, da súa elección.
O alumnado de 4ºESO recrearon dúas caricaturas da autora coa axuda de Beatriz Pérez, profesora de EPV do noso Centro.
Ilustramos a cita de María Victoria con copias dalgunha fotografía de R.M. Anderson. 
Velaquí o resultado!




 

domingo, 6 de mayo de 2018

Non leas. Fran Alonso.


Preparando o día das Letras Galegas.

Como contribución ao recoñecemento da figura de María Victoria Moreno, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2018, desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ponse a disposición do profesorado interesado un material elaborado desde a Asesoría de bibliotecas escolares, arredor de varios títulos desta autora. 
Trátase dunha selección de títulos que se vinculan, a modo de "constelación literaria" con outros libros referenciais da literatura infantil e xuvenil galega, en base a distintos criterios (temática, personaxes comúns e outros). Para cada un dos títulos de María Victoria Moreno, hai ademais un espazo baleiro dispoñible que convida a continuar estas propostas.
Este cartel, que se pode descargar desde esta páxina en formato DIN A3, chegará en formato impreso a todos os centros de Galicia en breves datas.
Agardamos que sexa un material útil e que poida axudar no labor do profesorado e das bibliotecas escolares por conseguir vincular ao alumnado á lectura en galego, a través de textos  dos nosos autores e das nosas autoras e, moi especialmente neste ano, a través dos libros de María Victoria Moreno. 

viernes, 27 de abril de 2018

3º/4ºESO e Anagnórise.

As 15 Estrelas do Club de 3º e 4ºESO inician a lectura deste trimestre cunha novela de María Victoria Moreno.

Para iniciar o trimestre cunha lectura na nosa lingua que mellor que comezar cunha novela da cuarta muller homenaxeada no Día das Letras galegas 2018 despois de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), e María Mariño (2007).

Resultado de imagen de anágnorise maria victoria morenoAnagnórise. Unha fermosa novela de amor que figura entre os libros máis lidos e admirados pola mocidade galega.

O protagonista principal de Anagnórise é Nicolau Arís, un rapaz con problemas que un día decide deixar os estudios no Instituto e marcha a Madrid co propósito de encontrar a uns amigos que se dedican a negocios relacionados co tráfico da droga. A viaxe en autostop faina cunha muller intelixente, de nome celosamente oculto, que o recolle na estrada, e coa cal fala durante as horas que pasan xuntos dentro do coche.

Os diálogos, sempre áxiles e ocurrentes, pero tamén naturais, van revelando a rica personalidade de ambos. Xa no destino, Nicolau e a súa amiga ocasional sepáranse sen que o rapaz saiba o nome dela. Ó remate, despois de que Nicolau entre en contacto cos compañeiros que o agardan en Madrid, irá buscar a súa amiga. Só entón saberá o seu nome.

Esta volta, a lectura será guiada polo profesor Carlos Morgade xefe do departemento de Normalización Lingüística, historiador e amante da nosa lingua que impulsa e promove a lectura en galego en toda a comunidade educativa.
"(....)Que a lingua non sexa unha barreira á hora de elixir un libro, os rapaces deben poder ler en calquera das dúas linguas, coa mesma facilidade, grao de comprensión e deleite."

2ºESO e 22 segundos

Este trimestre, o grupo de 2ºESO inicia a lectura no club coa novela 22 Segundos de Eva Mejuto.

Resultado de imagen de 22 segundos O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía sendo hora de existir. Ata ese momento só vivira de portas para dentro. Agora xa non había marcha atrás. A cámara pedíalle que falase."Son Álex, un mozo transexual. Abro este vlog para compartir con vós a miña vida. Quen me coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou mesmo non comprenderá –ou non quererá comprender– nada. O distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas... E por iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser quen son."Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co ordenador. Vinte e dous segundos. Ese foi o tempo que tardou o arquivo en subir á rede. "22 segundos" relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe –sen poñerlle etiquetas– que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis –e a sociedade– deixen de consideralas enfermas.
Achegar os lectores a unha realidade, case descoñecida pola meirande parte dela, suscitou numerosos debates entorno a transexualidade. A profesora mediadora desta novela, Victoria Carrera e coordinadora da nosa Biblioteca considera que aínda queda moito camiño por percorrer para un cambio de mentalidades. Segue sendo un tema tabú e de dificil aceptación ou comprensión por parte do alumnado. Un traballo de concienciación que seguiremos facendo a diario nas aulas. 

Rematada xa a lectura traballarán coa seguinte ficha ofrecida pola Editorial Xerais na procura dun maior afondamento na temática.