jueves, 30 de enero de 2020

Que día é hoxe?

Deixádeme que pense un chisco. 

Xa sei. Hoxe é o Día Escolar da Paz e a non-violencia. E, como non podía ser doutro xeito, desde o Club decidimos aportar o noso grao de area. Unha presadiña de Estrelas xuntáronse para contar unha historia que fala do sabor amargo das guerras e, tamén, do valor da convivencia harmónica entre as persoas de todas as razas, relixións...


A cousa comezou cando o despiadado timbre anunciou a fin do tempo de recreo. O profesorado meteu un cento de reticentes rapaces no Salón de Actos. Alí, Xulia e Aitana explicaron o motivo de tan misteriosa convocatoria. O público enmudeceu. Un inusual silencio encheu o espazo. E Pablo Chantrero e Manuel Sobral comezaron a contar a historia do Gaito Kamishibaia.


As nosas pequenas Estrelas brillaron moito durante uns poucos minutos. Detrás quedan as horas de traballo: os ensaios con Charo, Bea e Luisa; a tradución do texto ao galego por Carina; a elaboración dun powerpoint coas láminas para facilitar a visión ao público das últimas filas realizado por Bea e Mónica, que nos consente en todo; os diferentes arranxos técnicos para solucionar os problemas de son, pois sempre remexemos onde non se debe e José Luis ten, coma sempre, que volver armar todo. Mais, finalmente, Xulia e Aitana puideron facer un traballo impecable de imaxe e son (sen menosprezar o traballo de gravación sen trípode da profe Carina). 





Coido que nos esquece algo...

Graciñas, profe Celia Couso do IES de Poio por prestarnos este butai tan churrusqueiro e animarnos a crear as nosas propias historias. 


Pincha no seguinte enlace:

Día da Paz 2020- IES de Cotobade


1 comentario:

Carina Vales dijo...

E parabéns a ti, Patricia, pola coordinación e idea orixinal. Foi un acto memorable. Sinxelo e profundo.
A ver se as estreliñas deixan o seu comentario.