jueves, 6 de febrero de 2020

Preparando o 11 de febreiro


Aquí vos deixamos unha pequena mostra dos fondos que a biblioteca "Nélida Piñón" do IES de Cotobade ten sobre mulleres científicas.

jueves, 30 de enero de 2020

Que día é hoxe?

Deixádeme que pense un chisco. 

Xa sei. Hoxe é o Día Escolar da Paz e a non-violencia. E, como non podía ser doutro xeito, desde o Club decidimos aportar o noso grao de area. Unha presadiña de Estrelas xuntáronse para contar unha historia que fala do sabor amargo das guerras e, tamén, do valor da convivencia harmónica entre as persoas de todas as razas, relixións...


A cousa comezou cando o despiadado timbre anunciou a fin do tempo de recreo. O profesorado meteu un cento de reticentes rapaces no Salón de Actos. Alí, Xulia e Aitana explicaron o motivo de tan misteriosa convocatoria. O público enmudeceu. Un inusual silencio encheu o espazo. E Pablo Chantrero e Manuel Sobral comezaron a contar a historia do Gaito Kamishibaia.


As nosas pequenas Estrelas brillaron moito durante uns poucos minutos. Detrás quedan as horas de traballo: os ensaios con Charo, Bea e Luisa; a tradución do texto ao galego por Carina; a elaboración dun powerpoint coas láminas para facilitar a visión ao público das últimas filas realizado por Bea e Mónica, que nos consente en todo; os diferentes arranxos técnicos para solucionar os problemas de son, pois sempre remexemos onde non se debe e José Luis ten, coma sempre, que volver armar todo. Mais, finalmente, Xulia e Aitana puideron facer un traballo impecable de imaxe e son (sen menosprezar o traballo de gravación sen trípode da profe Carina). 





Coido que nos esquece algo...

Graciñas, profe Celia Couso do IES de Poio por prestarnos este butai tan churrusqueiro e animarnos a crear as nosas propias historias. 


Pincha no seguinte enlace:

Día da Paz 2020- IES de Cotobade


jueves, 23 de enero de 2020

Atención, obras!

- Kamishi que?

- Kamishibai. É unha palabra xaponesa. En galego sería algo así como "teatro de papel". Consiste nunha técnica xaponesa para narrar historias. Ten as súas orixes nos monxes budistas do século XII. 

O noso Salva Budiño, que tanto matricula alumnos á velocidade da luz, como cambia unha roda pinchada na metade de tempo que os mecánicos da MCLaren, ou monta a Carreira da Fundación DiabetesCero nun pestanexo e medio, puxo mans á obra para facer el mesmo o butai. 


- Bu que?

- Butai, que é como lle chaman ao soporte no que se montan as láminas con debuxos que ilustran a historia a contar. Ah, os auténticos butais son de madeira e teñen a aparencia dun maletín. Pero en Cotobade somos moi de reciclar. Así que o material a empregar, cortesía do profesor de Tecnoloxía, será Porexpán. 


- Coido que para hoxe xa abonda de palabras raras.


- Graciñas, Salva!




















jueves, 16 de enero de 2020

Ano novo, libro novo

O alumnado de 1º pon rumbo a Etiopía da man de María Reimóndez.





E, dado que os máis novos van facer exercicio, o alumnado de 2º, por non ser menos, vai aprender inglés con Shakespeare. Bueno, en realidade, van ler unha adaptación dunha obra do Cisne de Avon. Cal será?






O que non se sabe é a qué agardan os de 3º e 4º na estación de autobuses. Se cadra, esperan a que escampe. Ben podían levar algún dos paraugas da biblioteca.



When will those dark clouds all disappear?

martes, 3 de diciembre de 2019

Resólvense algúns misterios. Outros, non.

Os que viaxaron ao centro da Terra con Victoria e mais os que colleron o submarino chegaron a tempo á súa cita (aclaración: non son os que colleron no submarino). 




Na biblioteca non hai pingueiras, de momento. As ducias de paraugas que aló se congregaron foron sometidas a unha sesión de chapa e pintura (agora chámanlle "customizar") levada a cabo polo alumnado de 1º da ESO e mais os nosos amigos da Asociación Juan XXIII. 

Baixo un mesmo paraugas (pincha aquí)


As estrelas de 2ºA chegaron ao Corazón de Xúpiter. Tamén decidiron incorporar "Casiopea" como nome de can porque "Ney" e "Soult" xa están desfasados. Confían en que a profesora de Francés non o tome a mal. Ademais  quedoulle gana de coñecer a unha tal Momo.

En la noche brilla tu luz.
De dónde, no lo sé.
Tan cerca parece y tan lejos.
Cómo te llamas, no lo sé.
Lo que quiera que seas:
luce, pequeña estrella.

Mentras, en 2ºB non se deu resolto o asunto ese da vida secreta das mulleres planta. Que desgraza a súa!

E en 3º e 4º seguen sen saber quen é o asasino dese rapaz do equipo de waterpolo. 



martes, 26 de noviembre de 2019

Unha visita moi especial

A escritora Loli Beloso estivo no noso Centro para presentar o seu último libro, que leva por título Antonio Fraguas cos nenos. Mantivo un encontro con todo o alumnado e aproveitou para agradecer as aportacións realizadas por algúns dos nosos alumnos e alumnas, que colaboraron na ilustración do libro. Muller implicada coa difusión da cultura galega -en especial, da obra de Díaz Pardo- e solidaria onde as haxa, destina os beneficios da venda deste libro á investigación do cancro levada a cabo pola Fundación de Medicina Xenómica, que dirixe o doutor Ángel Carracedo da Universidade de Santiago de Compostela.

A visita foi posible grazas aos esforzos do ENDL e o Departamento de Galego, aínda que somos moitos os que remamos. Por exemplo, o Departamento de Educación Plástica que creou unha liña temporal con obras de Luis Seoane, a quen se lle adicou o Día das Belas Artes o presente ano. E, por suposto, Loli Beloso, gran conversadora, falounos do debuxante. Fixo tamén unha exposición e comentario de pezas de Sargadelos, libros, revistas, etc; así como a mención a unha colección de xoias solidarias creadas por ela mesma.

Non é a primeira vez que Loli nos visita e agardamos que non sexa a última.












Ata a próxima, Loli!



jueves, 21 de noviembre de 2019

Ás voltas con Xulio Verne

As nosas estrelas máis novas decidiron mergullarse no universo de Xulio Verne e viaxar ata o centro da Terra. Mentras, os nosos amigos da Asociación Xoán XXIII teñen por diante unha aventura de 20.000 leguas de viaxe submarina.





As preguntas que cómpre facerse chegados a este punto son: chegarán todos a tempo para a cita do xoves 28 de novembro de 2019?, quen son as mulleres planta e por que levan unha vida secreta?, por que hai tantos paraugas na biblioteca?, haberá pingueiras?